Wednesday 22 de May de 2024

Os Encontros coa Arte de Brión saíron por terceira vez do municipio e os 29 artistas participantes protagonizaron unha sesión de pintura ao natural na vila de Muros


As localidades de Ézaro (Dumbría) e Muros recibiron esta fin de semana a visita dos 29 artistas que participaron na decimoterceira edición dos Encontros coa Arte, un espazo de encontro no que os artistas participantes intercambian experiencias e técnicas mentres comparten o seu arte coa veciñanza. Por terceira vez nestes 13 anos, os Encontros saíron do termo municipal de Brión para visitaren as localidades de Ézaro e Dumbría, tras dúas primeiras saídas de éxito a Pontemaceira (Ames/Negreira) e Rianxo.

Na iniciativa participaron este ano artistas da comarca, como Veiras Manteiga ou Manuel Ayaso, canda outros 27 pintores, escultores, fotógrafos e músicos procedentes tanto de Galicia como do resto de España: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Enrique Ochotorena, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Javier del Valle, José A. Regidor, José Galarzo, José Mª Ysmer, Laureano Vidal, Luís Romero, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Xosé Vázquez Castro, Xosé Vizoso e Yolanda Carbajales.

Tras unha mañá de pintura ao natural na Fervenza do Ézaro, os artistas despregáronse polo paseo marítimo de Muros para inmortalizalo nos seus lenzos e compartir o seu proceso creativo con todos os veciños e veciñas que se achegaron. Uns cadros dos que cada pintor doou dous: un para agasallar a un dos participantes e un segundo que quedará na pinacoteca municipal do Concello de Brión e que conformará unha exposición que será inaugurada en xuño de 2019 coincidindo coa edición número catorce dos Encontros.